Por transitar bordeando un cantil do que ninguén regresa, por viaxar de forma inhóspita a lombos dun galope de soños, por asubiar unha melodía irrecoñecible en interminables madrugadas, por empeñarme en escribir un epitafio no patíbulo de mil crebacabezas, por adornar con flores profanadas o efémero da miña ledicia, por… por todo iso fuxo cando a pegada duns pés espidos se fai muller na miña presenza. (Do libro «Orballa coma sempre» no blogue «orballar.com» por «Sonmeigo»)
ORBALLA COMA SEMPRE
MANIFESTO POLA DIGNIDADE DO GHALEGO DA CASA
Boas noites, veciñas, veciños e demais fauna autóctona. Estamos hoxe aquí reunidos non para discutir de política, nin de fútbol, nin de quen fai mellor a empanada —anque todos sabemos a resposta—. Estamos aquí por algo máis importante: defender o noso ghalego. O de verdade. O que non se aprende en cursiños nin en PDFs. O que nace no palleiro, na lareira e no banco de pedra diante da casa.
Porque nós non dicimos «gracias. Nós dicimos «ghracias». Non dicimos «gato». Dicimos «ghato», que parece que o animal xa sae máis espelido. E non é un defecto. É unha marabilla acústica. A gheada non é falar mal. Falar mal é pedir un café «take away» en Melide. A gheada é música de aquí. É o vento entrando pola porta da cociña. É o son das rodas do carro na lama. É a voz da nosa xente cando aínda non lle daba vergoña soar a aldea.
Porque ese é o problema: quixeron convencernos de que falar coma os avós era falar peor. E nós vimos hoxe dicir que non. Que peor é falar todos igual. Que peor é un idioma sen barro nas botas. Que peor é un galego tan perfecto que parece embalado ao baleiro. Nós queremos un galego con patacas na terra. Con galiñas cruzando polo medio da conversa. Con palabras que non saen no dicionario pero si na memoria.
Queremos o galego que che pregunta: «E logho, xa comiches ou vas morrer en pecado?».
O galego que distingue entre orballo, poalla, babuxa e «cae unha auga que manda nabo».
Porque cando morren esas palabras, non morre só unha maneira de falar. Morre unha maneira de mirar o mundo. E nós non estamos dispostos.
Non queremos pedir permiso para falar coma aprendemos. Non queremos que nos corrixan desde unha oficina con calefacción. Nin que nos miren raro por dicir «ghaliña» mentres eles din «galiña» coma quen le unha etiqueta do xampú.
O noso «ghalego» ten curvas. Ten toxos. Ten retranca. Ten interrupcións porque pasou un tractor. E sobre todo ten vida.
Así que hoxe facemos aquí un xuramento solemne: seguir falando como nos pete. Con gheada. Con seseo. Con palabras herdadas. Con expresións imposibles. Con acentos que non pasan auditorías. Porque a lingua non é un museo. É unha leira. E as leiras hai que traballalas, non plastificalas.
Que viva o «ghalego» da Maía. O de Vedra. O das aldeas. O das tabernas.
O das avoas que nunca estudaron filoloxía, pero sabían exactamente como había que dicir as cousas. E que nunca nos falte unha boa palabra da casa… nin alguén que a pronuncie con orgullo.
Moitas «ghracias». (Sonmeigo)
